Monday 13 de May de 2024

Camariñas celebrará a próxima semana o seu primeiro pleno telemático da historia


A sesión servirá para sacar adiante un recoñecemento de crédito para poder pagar facturas a provedores.

O Concello de Camariñas está a ultimar os preparativos para poder levar a
cabo a próxima semana o seu primeiro pleno telemático da historia, co
obxectivo de non atrasar máis do debido asuntos urxentes como pode ser o
pago a provedores.
A data exacta aínda está por marcar e o informático municipal está a pechar
os últimos detalles para que cada concelleiro e concelleira poida participar
na sesión desde os seus respectivos fogares sen ningún tipo de problema.
O que é seguro é que o asunto principal da orde do día será a aprobación
dun recoñecemento de crédito para poder pagar facturas pendentes a
provedores. “Este é un procedemento habitual pero, debido aos problemas
económicos que está a xerar esta crise sanitaria, non o podíamos demorar
máis e por iso decidimos levar a cabo pleno de xeito telemático”, explica a
alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Sandra Insua tamén aproveitou para anunciar que “todos os integrantes do
pleno decidimos doar aos voluntarios de Protección Civil a aportación
económica que teríamos que recibir pola asistencia á sesión. É unha
cantidade que suma en total 1.300 euros e que pretende ser só un primeiro
e pequeno recoñecemento á impagable labor que están a levar a cabo os
voluntarios e voluntarias da agrupación de Camariñas, que co seu traballo e
esforzo permítennos chegar a todas as casas do municipio nesta crise
sanitaria, poñendo en xogo tamén a súa saúde.